BENVIDOS

Desde Combarro, desde Chancelas, en Galego.























6 abr 2010

Xornal.com: A Xunta gastará un millón de euros para divulgar "o valor do plurilingüismo" nas aulas

Educación xa gastou 90.000€ a anunciar a consulta ás familias e casi 20.000€ a realizar as enquisas nos colexio.
As contas económicas do Goberno galego volverán recibir un forte impacto como consecuencia do denominado “decreto do plurilingüismo”, se ben desta volta os gastos non virán motivados da propia posta en marcha da nova norma lingüística e nin sequera afectarán ao orzamento da Consellería de Educación.

O pasado 31 de marzo, xornada previa aos días festivos da Semana Santa, a Secretaría Xeral de Medios –con dependencia xerárquica directa do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo– enviou ao Diario Oficial das Comunidades Europeas o “anuncio de información previa” dun contrato para pór en marcha unha “campaña institucional informativa e divulgativa sobre os novos valores do sistema de ensino non universitario na Comunidade Autonóma de Galicia”.

Na “natureza” do contrato que o Executivo autonómico asinará, o departamento dependente da Presidencia especifica que o obxectivo da acción propagandística será “dar a coñecer á poboación galega os novos valores do plurilingüismo nas aulas”, isto é, as caracterísicas do decreto que impulsa Educación e que mañá chegará ao Consello Escolar de Galicia no medio dunha intensa controversia educativa.

Igualmente, o documento remitido ao diario da UE especifica o “custo estimado” da contratatación, que se eleva aos 819.000 euros, “IVE excluído”. Unha vez engadidos os correspondentes impostos, é posible concluír que a Xunta desembolsará, cando menos, 950.040 euros. Se a formalización do contrato fose realizada despois do mes de xuño, momento no que o IVE se incrementará do 16% ao 18% en todo o Estado, o importe final ascenderá a, cando menos, a 966.420 euros.

Con todo, a cantidade que a Xunta está disposta a destinar a esta campaña aínda pode variar, dado que esta publicación no Diario Oficial das Comunidades Europeas é un trámite opcional, co mero valor dun aviso previo ás empresas interesadas en elaborar os anuncios. Así, a licitación definitiva da operación terá que ser anunciada no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial do Estado (BOE) para, despois, regresar ao boletín comunitario, desta volta xa cun importe definitivo para o concurso público.

Así as cousas, o importe próximo a 1 millón de euros que a Presidencia da Xunta gastará en publicitar os “valores” do decreto engadirase aos 90.000 euros que, segundo recoñeceu no Parlamento o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, supuxeron para as arcas públicas as dúas xornadas en que a Consellería de Educación inseriu nalgúns diarios, durante dous días, páxinas publicitarias sobre a enquisa realizada entre as familias dos estudantes o pasado mes de xuño.

Ese desembolso sumouse, á súa vez, aos 6 céntimos “por alumno” que o departamento de Jesús Vázquez recoñeceu ter gastado na realización da enquisa, cunha suma total de 19.800 euros. Deste xeito, e á espera da realización das enquisas previstas no novo decreto, a mudanza da normativa lingüística suporá xa, cando menos, 1,06 millóns de euros ás arcas públicas de Galicia.

David Lombao, Xornal.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario