BENVIDOS
9 may 2010
7 may 2010
Máis de 4.500 profesores advirten que “dan e darán as clases en galego”
Un paso máis que simbólico. A plataforma 'Queremos Galego' entregou este mércores no Rexistro da Xunta un documento asinado por 4.530 profesores de ensino non universitario no que expresan a súa vontade de seguir impartindo aulas na lingua propia do país e o seu rexeitamento á modificación do decreto. Dende a plataforma sinalan que decidiron pedir as sinaturas logo de que o Goberno anunciase que ía obrigar a impartir en lingua castelán materias como Matemáticas, Física e Quimica e Tecnoloxía.
Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro de 'Queremos Galego' subliñou diante dos xornalistas que “estes son 4.530 alegatos contra a prohibición do galego e en defensa da aplicación dos consensos a que chegamos entre todas e todos” e “4.530 protestas contra o feito de que Galiza sexa a única autonomía do Estado onde se poderá expedientar unha profesora ou un profesor por impartir as aulas no idioma propio, algo que non acontece nin en Valencia, onde goberna o PP”.
O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, que tamén participou na entrega das adhesións, sinalou que “se pretende trasladar a imaxe de que o noso é un idioma de segunda, que non pode ser vehículo normal”. Louzao e Callón salientaron o gran apoio do profesorado e sinalaron que aínda non rematou a recollida de sinaturas.
Maio, mes da lingua
6 may 2010
Correlingua 2010

Estámonos preparando para irmos o Correlingua deste ano o vindeiro martes en Pontevedra. Esperamos que nos faga bo tempo e poidamos disfrutar do percorrido e das actuacións na Praza da Ferrería.
Aquí vos queda o percorrido deste ano:

2 may 2010
Os maios no cole
30 abr 2010
27 abr 2010
Semana das letras galegas UXÍO NOVONEYRA

Páxina web de Uxío Novoneyra
Enlace á páxina da Xunta con material diverso sobre o poeta e a súa obra.

Poema de Uxío Novoneyra interpretado por Emilio Cao
23 abr 2010
A árbore do Dia do libro
20 abr 2010
O concerto do sábado
Lamatumba...
16 abr 2010
Música pola defensa do Galego
14 abr 2010
O COLEXIO DE CHANCELAS XA TEN HORTA ESCOLAR
Música contra o decretazo

O vindeiro sábado 17 de abril celebrarase en Pontevedra un concerto musical organizado pola plataforma "Queremos Galego" contra o decreto de galego. Mais información aqui.
12 abr 2010
Viaxe a ONS
Mirade que ben o pasamos:
9 abr 2010
Mochilas Viaxeiras
Contra vento e marea
Feijoo respecta a decisión do Consello escolar de Galicia pero seguirá adiante.
O presidente da Xunta asegurou respectar a decisión d Consello Escolar de Galicia, pero manifestou a sua intención de seguir adiante co texto e apostar pola convivencia das linguas e o seu equilibrio, así como por unha escola amable e equilibrada.
Feijoo indicou que a postura deste órgano de representación da comunidade educativa era previsible, e que os que están a favor do desequilibrio lingüístico teñen toda a a sua lexitimidade, da misma forma que o seu Goberno ten a lexitimidade de estar a favor do equilibrio entre o castelan e o galego. O responsable do Executivo asegurou que si hai algunha modificación máis que poida aceptarse se incorporará.
O Consello escolar de Galicia rexeita o borrador do Decreto do Galego
O decreto resultou desestimado despois de que prosperase, por 24 votos a favor e 16 en contra, a enmenda á totalidade contra o borrador do decreto.
A retirada do texto foi solicitada polos sindicatos CIG, UXT e Comisions Obreiras, e apoiada tamén pola Confederación de Asociacions de Pais de Alumnos de Centros Públicos (Confapa), dos Movementos de Renovación Pedagóxica, do Seminario de Estudos Galegos e das organizacions estudiantís.
Tal e como destacou Anxo Louzao, secretario xeral de CIG-Ensino, o borrador do decreto recibíu tamén os votos en contra dos alcaldes do PSdeG e do BNG con representación no Consello Escolar de Galicia.
Al final do pleno do Consello Escolar e en declaracions ós xornalistas, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Anxo Lourenzo, afirmou que a Administración gallega «acepta» a decisión do Consello Escolar de Galicia. Lorenzo refiríuse, sen embargo, á división posta de manifesto durante o pleno do Consello Escolar, e aludíu a «una parte que estaba disposta a seguir traballando sobre as modificaciones do texto do decreto para conseguir o maior consenso posible, e outra que decidíu votar en contra e non entrar a negociar».
6 abr 2010
Xornal.com: A Xunta gastará un millón de euros para divulgar "o valor do plurilingüismo" nas aulas
O pasado 31 de marzo, xornada previa aos días festivos da Semana Santa, a Secretaría Xeral de Medios –con dependencia xerárquica directa do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo– enviou ao Diario Oficial das Comunidades Europeas o “anuncio de información previa” dun contrato para pór en marcha unha “campaña institucional informativa e divulgativa sobre os novos valores do sistema de ensino non universitario na Comunidade Autonóma de Galicia”.
Na “natureza” do contrato que o Executivo autonómico asinará, o departamento dependente da Presidencia especifica que o obxectivo da acción propagandística será “dar a coñecer á poboación galega os novos valores do plurilingüismo nas aulas”, isto é, as caracterísicas do decreto que impulsa Educación e que mañá chegará ao Consello Escolar de Galicia no medio dunha intensa controversia educativa.
Igualmente, o documento remitido ao diario da UE especifica o “custo estimado” da contratatación, que se eleva aos 819.000 euros, “IVE excluído”. Unha vez engadidos os correspondentes impostos, é posible concluír que a Xunta desembolsará, cando menos, 950.040 euros. Se a formalización do contrato fose realizada despois do mes de xuño, momento no que o IVE se incrementará do 16% ao 18% en todo o Estado, o importe final ascenderá a, cando menos, a 966.420 euros.
Con todo, a cantidade que a Xunta está disposta a destinar a esta campaña aínda pode variar, dado que esta publicación no Diario Oficial das Comunidades Europeas é un trámite opcional, co mero valor dun aviso previo ás empresas interesadas en elaborar os anuncios. Así, a licitación definitiva da operación terá que ser anunciada no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial do Estado (BOE) para, despois, regresar ao boletín comunitario, desta volta xa cun importe definitivo para o concurso público.
Así as cousas, o importe próximo a 1 millón de euros que a Presidencia da Xunta gastará en publicitar os “valores” do decreto engadirase aos 90.000 euros que, segundo recoñeceu no Parlamento o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, supuxeron para as arcas públicas as dúas xornadas en que a Consellería de Educación inseriu nalgúns diarios, durante dous días, páxinas publicitarias sobre a enquisa realizada entre as familias dos estudantes o pasado mes de xuño.
Ese desembolso sumouse, á súa vez, aos 6 céntimos “por alumno” que o departamento de Jesús Vázquez recoñeceu ter gastado na realización da enquisa, cunha suma total de 19.800 euros. Deste xeito, e á espera da realización das enquisas previstas no novo decreto, a mudanza da normativa lingüística suporá xa, cando menos, 1,06 millóns de euros ás arcas públicas de Galicia.
David Lombao, Xornal.com
O decreto para o plurilingüismo enfróntase mañá ao Consello Escolar
O Consello Escolar de Galicia, órgano que reúne pais, profesores, movementos de renovación pedagóxica e sindicatos entre outros, reúnese mañá para decidir o seu apoio ao proxecto de decreto para o plurilingüísmo no ensino. Malia ao rexeitamento de moitos dos representantes neste organismo, está aínda pendente de se verificar o pronunciamento final do mesmo, e é posible que o texto saia con diferentes enmendas da xuntanza. Nova Escola Galega, por exemplo, publicou xa un manifesto no que denuncia que a proposta do PP pode dar "na formación de dúas sociedades diferenciadas" por mor da lingua. A coincidir con esta xornada, a plataforma Queremos Galego convocou unha mobilización mañá ás 16.15h ante a sede deste organismo, na compostelá rúa de San Roque. Ao tempo, Xornal de Galicia revela hoxe que a Xunta fará unha campaña de publicidade para dar a coñecer "os novos valores do plurilingüismo nas aulas" valorada en preto dun millón de euros.
mais información http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=16613
23 mar 2010
21 de marzo. Dia da Árbore
E o alumnado de Infantil encheu á escola cos seus debuxos. Coidar a natureza é unha tarefa de todos e un bo xeito de demostrar o aprecio pola nosa terra.Mira este libro do seu traballo.
21 mar 2010
Seis ideas arredor da lingua de Victor Freixanes
Primeira idea. A lingua somos todos, igual que a sociedade somos todos. Deixar fóra do debate a aqueles que non pensan coma nós é, ademais dun principio antidemocrático, unha simpleza, un reducionismo que nos empobrece. Isto serve tamén para os que pensan que aplicando a apisoadora dos votos (ben apretados, por certo) xa todo está resolto.
Segunda idea. A política lingüística, se queremos afrontar en serio o futuro do idioma, non pode ficar reducida ao sistema educativo. A educación (capacitación dos cidadáns para o coñecemento do idioma) é un eido fundamental, pero non exclusivo. A escola é unha parte do debate. Hai que actuar socialmente: deseñar unha política de recoñecemento, prestixio e uso social da lingua en todos os ámbitos, en todos os sectores da sociedade. O Goberno debe avanzar nesta dirección.
Terceira idea. Os que cuestionamos a consulta vinculante ás familias para establecer programas e deseños educativos, que en bo criterio corresponden ás autoridades responsables da planificación, non estamos en contra de escoitar e mesmo atender as voces da diversidade social. O que cuestionamos é a operatividade das propostas que se están a facer, e defendemos unha idea que nos parece fundamental: a educación e, por tanto, a formación dos futuros cidadáns afecta non só aos pais e ás nais que teñen rapaces na escola, senón ao conxunto da sociedade (mesmo aos que non teñen fillos). Estes tamén teñen algo que dicir. Pagan impostos coma os demais.
Cuarta idea. As institucións son (ou deben ser) libres para expoñer os seus posicionamentos. Non son correas de transmisión de ninguén, senón voces complementarias, debemos supoñer que autorizadas. Podemos atender ou non as súas recomendacións, pero non me parece xusto pretender descualificalas porque non están na nosa corda, moito menos porque non emiten na dirección que lle convén ao Goberno.
Quinta idea. O que vive unha situación desigual (no caso do galego unha situación historicamente desigual) precisa dun tratamento desigual para restablecer o equilibrio. Non recuperaremos o uso social da lingua sen unha política activa a prol do idioma máis desprotexido. Está en todos os documentos solventes, empezando pola Carta Europea das Linguas, moi explícita ao respecto.
Sexta idea, non por repetida menos importante. O consenso non é unha antigalla. En determinadas cuestións estratéxicas (pensadas non a curto prazo, senón con perspectiva de futuro) o consenso é unha posición básica, unha mostra de intelixencia política, mesmo de xenerosidade, nunca unha claudicación.
17 mar 2010
Carta aberta de Xabier Docampo a Anxo Lorenzo
Carta aberta a don Anxo Lorenzo
18:12 15/03/2010
(Cómplice necesario da afrenta que se lle vai facer á lingua galega)
Sr. Lorenzo: Acabo de ler as súas desafortunadas declaracións en Faro de Vigo e La Opinión. Por certo, constato que ou fai estas declaracións á prensa en castelán ou non é capaz de esixir, como cómpre tendo en conta o seu cargo, que sexan publicadas en galego; se cadra, ten que facer méritos para lle demostrar a ben sabemos quen, que xa é un bo converso. Logo de lelas, debo dicirlle que vostede mente; ou sexa, di algo que sabe que non é certo co ánimo de enganar aos galegos e ás galegas. E antes de continuar, voulle demostrar que isto é así.
Di vostede que “El problema es que no existe cobertura legal para obligar a nadie a hablar o escribir en gallego. Esto ya lo advirtió el Consello Consultivo en 2007”. Vostede coñece, é imposíbel que o ignore, que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na súa sentenza 1084/2007, rexeita o ditame do Consello Consultivo de Galicia e declara que é perfectamente legal que “Nas áreas, materias ou módulos impartidos en lingua galega, o alumnado utilizará, con carácter xeral, o galego nas manifestacións oral e escrita.” Por non falar das numerosas ocasións en que o Tribunal Constitucional avalou a pertinencia desta utilización nas aulas, como vía para a súa aprendizaxe.
Dicir o contrario é mentir e, por aquilo de que quen fai un cesto fai un cento se lle dan varas e tempo, dedúcese que dun mentireiro pouco máis podemos agardar que mentiras.
Di vostede “La ley no permite obligar a hablar gallego”. Pode, daquela, a lei obrigar a aprendelo nas clases de galego? Pode obrigar a lei a aprender a táboa de multiplicar? O que se aprende e usa na escola ten que estar explicitamente escrito na Constitución? Se a competencia nunha lingua só se adquire utilizándoa, como a han adquirir logo? Acaso por ciencia infusa? Son vostedes un fato de mentireiros e uns trapalleiros. Entregaron a súa alma ás minorías negacionistas cunha obscenidade escandalosa.
O seu decreto está envolto na mentira, na falsidade dos datos e das expectativas. Está feito sabendo que os alumnos e alumnas de familias castelán falantes nunca acadarán unha competencia mínima en galego. Está, pensado desde os privilexios de clase, feito para satisfacer os desexos antigalegos dun sector dos pais do alumnado do ensino privado (o de concertado non é máis que un uso indebido de medios públicos, mentres obriguen por vía de achegas “voluntarias” a pagar unha cantidade mensual complementaria).
Sr. Lorenzo, vostede, ao se facer reo voluntario da política etnocida do Sr. Feijoo, saberá canto lle pagou a pena botar pola xurreira abaixo unha carreira profesional merecente de todo respecto. Agora só fica para vostede a indignidade de ser, en complicidade con Falange Española de las JONS (vostede escribiu este decreto ao ditado do que eles demandaron en Compostela en febreiro de 2009), quen pasará a historia como a persoa que defendeu o maior ataque legal contra a lingua propia de Galicia desde Francisco Franco (que tamén era “gallego y de Falange”). Lamento moito ter que dicilo, pero a súa traizón cóbreo de indignidade. O seu cometido e desexo non foi nunca, agora o entendo, o de estabelecer un marco legal que substituíse ao mesmo decreto 124/2007 que defendeu publicamente; vostede foi encargado de lle dar unha aparencia científica e legal á mentira, o engano, a traizón. Non teño xa que escoller ningún cualificativo para lle aplicar, dedúcense doadamente do seu proceder.
Pero, de todos os xeitos, permítame que lle diga que aínda podería recuperar en boa parte a dignidade perdida (só os que nunca a tiveron non poden recuperala). Dimita. Abandone o barco onde xa só fican ratas. Déixeos sos. Dígalles que vostede non pode amparar semellante barbaridade, que non pode traizoar unha institución que, antes ca vostede, ocuparon outros e, uns máis e outros menos, todos foron facendo cousas, sempre avanzando por pouco que fose. Dígalles que non quere ser lembrado como único responsábel de Política Lingüísitca que fixo retroceder o galego nos seus dereitos. Que o fagan eles se queren, non se suicide socialmente, regrese á comprensión dos seus que, máis tarde ou máis cedo, sempre han entender que foi capaz de ter dignidade á última hora. Destes só pode agardar que o deixen tirado na cuneta (estilo falanxista) cando pensen que xa non lles serve. É difícil, pero mentres non estea o decreto no DOG sempre estará a tempo de merecer o respecto dos galegos e das galegas de hoxe e de mañá.
Despois xa nunca o poderá ter. Máis tarde ou máis cedo o seu decreto tamén será derrogado, cambiase por outro e deste só ficará a ignominia.
En calquera caso, non siga a mentir, que nin vostede nin eu nacemos onte.
16 mar 2010
6º na Granxa Escola de Barreiros, Lugo
14 mar 2010
Declaración da Plataforma ProLingua sobre do avance de Decreto (chamado) de Plurilingüismo da Xunta de Galicia
… E se os feitos demostran outra cousa, haberá que cambiar os feitos. Esta falsificación diaria do pasado, realizada polo Ministerio da Verdade, é tan imprescindible para a estabilidade do réxime como a represión e a espionaxe efectuadas polo Ministerio do Amor.
Resposta da Coordinadora Galega de ENDL ó Anteproxecto do Decreto do Bilingüísmo
O Anteproxecto do Decreto do Bilingüismo discriminará a lingua galega no ensino e provocará serios conflitos na comunidade educativa
O novo decreto non garantirá o equilibrio efectivo entre as dúas linguas oficiais no ensino e desprotexe o galego, especialmente na etapa de infantil.
O avance do anteproxecto relega a promoción da lingua galega ás actividades de fomento e ao compromiso persoal do profesorado.A Coordinadora Galega de ENDL valora negativamente que o Anteproxecto do Decreto do Plurilingüismo, cuxas liñas xerais deu a coñecer onte a Consellería de Educación, non desenvolve os preceptos da Lei de Normalización Lingüística (LNL) como si facían os decretos anteriores. Así, unha lexislación que debería desenvolver a LNL, creada para protexer a lingua propia de Galicia que está en situación de desequilibrio social respecto do castelán, ponlle límites á súa normalización no ensino: por un lado, establece máximos na distribución horaria para o galego cando nunca se cumpriron os mínimos marcados nos Decretos 247/1995 e 124/2007; e, por outro lado, afonda nos prexuízos cara a unha lingua que está en retroceso ao transmitir que non é válida para todos os campos do saber posto que impide que sexa a lingua vehicular para as materias do ámbito científico-tecnolóxico.
12 mar 2010
Disfruta en familia este fin de semana

Chegaron á escola dúas informacións para interesantes actividades:
Carreira popular por Haití: O domingo 14 ás 12 da mañán. saída do Embarcadoiro de Combarro ou a Praza da Granxa (Campelo) e chegada á Explanada da Seca. ademáis da Carreira ou marcha haberá diferentes atraccións. A inscripción (instalada nos puntos de saída a partir das 11) será de 3 € adulto e de 1 € por neno. A recadación irá integramente destinada a labores de postemerxencia e reconstrucción no Departamento Sudeste de Haití. Organiza Solidariedade Internacional en colaboración co Concello de Poio.
Concerto de clausura do Salón do libro de Pontevedra: O domingo 14 ás 12 da mañán no Pazo da Cultura de Pontevedra. Concerto de presentación do libro CD "A nena e o grilo" de OQO editora.
6 mar 2010
5 mar 2010
Imos a ONS

Este é o cómic que fixemos os de 5º e que, seleccionado polo Patronato do Parque Nacional das Illas Atlánticas, nos fixo gañar unha viaxe á Illa de Ons o vindeiro mes de abril.
Imos percorrer a illa, coñeceremos a súa fauna e flora e disfrutaremos da súa paisaxe e das súa praias. Xa vos contaremos á volta como foi a experiencia.


