BENVIDOS

Desde Combarro, desde Chancelas, en Galego.























23 mar 2010

21 de marzo. Dia da Árbore

A pasada semana celebrouse o Día da Árbore. O alumnado do terceiro ciclo fixo unha saída para plantar árbores nunha finca cercana á escola coa axuda do Concello e da Comunidade de Montes de Combarro. Antes de saír tivemos unha pequena charla e unha demostración práctica de discriminación de árbores e plantas. Á volta, despois de plantar as árbores fixemos unha parada na Cuna da Moura. Non sabes onde é? pois ven e pregunta, paga a pena subir, verás que paisaxe!




E o alumnado de Infantil encheu á escola cos seus debuxos. Coidar a natureza é unha tarefa de todos e un bo xeito de demostrar o aprecio pola nosa terra.Mira este libro do seu traballo.

21 mar 2010

Seis ideas arredor da lingua de Victor Freixanes

Interesante artículo de opinión escrito na Voz de Galicia por Víctor Freixanes

(Premer na imaxe para mais información do autor)

Alguén dirá que volvemos outra vez enriba do mesmo. Pois non está mal que volvamos. E deberiamos facelo todos os que temos algo que dicir, nesta cuestión e noutras. A opinión non se constrúe cun único discurso. Se algo positivo podemos tirar da deboura en que estamos (presente e futuro da lingua galega) é a posibilidade de que exista debate social. Non esquemas, que desgraciadamente é o que máis abunda. Ideas.
Primeira idea. A lingua somos todos, igual que a sociedade somos todos. Deixar fóra do debate a aqueles que non pensan coma nós é, ademais dun principio antidemocrático, unha simpleza, un reducionismo que nos empobrece. Isto serve tamén para os que pensan que aplicando a apisoadora dos votos (ben apretados, por certo) xa todo está resolto.
Segunda idea. A política lingüística, se queremos afrontar en serio o futuro do idioma, non pode ficar reducida ao sistema educativo. A educación (capacitación dos cidadáns para o coñecemento do idioma) é un eido fundamental, pero non exclusivo. A escola é unha parte do debate. Hai que actuar socialmente: deseñar unha política de recoñecemento, prestixio e uso social da lingua en todos os ámbitos, en todos os sectores da sociedade. O Goberno debe avanzar nesta dirección.
Terceira idea. Os que cuestionamos a consulta vinculante ás familias para establecer programas e deseños educativos, que en bo criterio corresponden ás autoridades responsables da planificación, non estamos en contra de escoitar e mesmo atender as voces da diversidade social. O que cuestionamos é a operatividade das propostas que se están a facer, e defendemos unha idea que nos parece fundamental: a educación e, por tanto, a formación dos futuros cidadáns afecta non só aos pais e ás nais que teñen rapaces na escola, senón ao conxunto da sociedade (mesmo aos que non teñen fillos). Estes tamén teñen algo que dicir. Pagan impostos coma os demais.
Cuarta idea. As institucións son (ou deben ser) libres para expoñer os seus posicionamentos. Non son correas de transmisión de ninguén, senón voces complementarias, debemos supoñer que autorizadas. Podemos atender ou non as súas recomendacións, pero non me parece xusto pretender descualificalas porque non están na nosa corda, moito menos porque non emiten na dirección que lle convén ao Goberno.
Quinta idea. O que vive unha situación desigual (no caso do galego unha situación historicamente desigual) precisa dun tratamento desigual para restablecer o equilibrio. Non recuperaremos o uso social da lingua sen unha política activa a prol do idioma máis desprotexido. Está en todos os documentos solventes, empezando pola Carta Europea das Linguas, moi explícita ao respecto.
Sexta idea, non por repetida menos importante. O consenso non é unha antigalla. En determinadas cuestións estratéxicas (pensadas non a curto prazo, senón con perspectiva de futuro) o consenso é unha posición básica, unha mostra de intelixencia política, mesmo de xenerosidade, nunca unha claudicación.

17 mar 2010

Carta aberta de Xabier Docampo a Anxo Lorenzo

Xabier Docampo, mestre e escritor, adícalle a Anxo Lorenzo, Secretario de Política Lingüística unha carta desde a súa columna do xornal VIEIROS

Carta aberta a don Anxo Lorenzo
18:12 15/03/2010
(Cómplice necesario da afrenta que se lle vai facer á lingua galega)

Sr. Lorenzo: Acabo de ler as súas desafortunadas declaracións en Faro de Vigo e La Opinión. Por certo, constato que ou fai estas declaracións á prensa en castelán ou non é capaz de esixir, como cómpre tendo en conta o seu cargo, que sexan publicadas en galego; se cadra, ten que facer méritos para lle demostrar a ben sabemos quen, que xa é un bo converso. Logo de lelas, debo dicirlle que vostede mente; ou sexa, di algo que sabe que non é certo co ánimo de enganar aos galegos e ás galegas. E antes de continuar, voulle demostrar que isto é así.

Di vostede que “El problema es que no existe cobertura legal para obligar a nadie a hablar o escribir en gallego. Esto ya lo advirtió el Consello Consultivo en 2007”. Vostede coñece, é imposíbel que o ignore, que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na súa sentenza 1084/2007, rexeita o ditame do Consello Consultivo de Galicia e declara que é perfectamente legal que “Nas áreas, materias ou módulos impartidos en lingua galega, o alumnado utilizará, con carácter xeral, o galego nas manifestacións oral e escrita.” Por non falar das numerosas ocasións en que o Tribunal Constitucional avalou a pertinencia desta utilización nas aulas, como vía para a súa aprendizaxe.

Dicir o contrario é mentir e, por aquilo de que quen fai un cesto fai un cento se lle dan varas e tempo, dedúcese que dun mentireiro pouco máis podemos agardar que mentiras.

Di vostede “La ley no permite obligar a hablar gallego”. Pode, daquela, a lei obrigar a aprendelo nas clases de galego? Pode obrigar a lei a aprender a táboa de multiplicar? O que se aprende e usa na escola ten que estar explicitamente escrito na Constitución? Se a competencia nunha lingua só se adquire utilizándoa, como a han adquirir logo? Acaso por ciencia infusa? Son vostedes un fato de mentireiros e uns trapalleiros. Entregaron a súa alma ás minorías negacionistas cunha obscenidade escandalosa.

O seu decreto está envolto na mentira, na falsidade dos datos e das expectativas. Está feito sabendo que os alumnos e alumnas de familias castelán falantes nunca acadarán unha competencia mínima en galego. Está, pensado desde os privilexios de clase, feito para satisfacer os desexos antigalegos dun sector dos pais do alumnado do ensino privado (o de concertado non é máis que un uso indebido de medios públicos, mentres obriguen por vía de achegas “voluntarias” a pagar unha cantidade mensual complementaria).

Sr. Lorenzo, vostede, ao se facer reo voluntario da política etnocida do Sr. Feijoo, saberá canto lle pagou a pena botar pola xurreira abaixo unha carreira profesional merecente de todo respecto. Agora só fica para vostede a indignidade de ser, en complicidade con Falange Española de las JONS (vostede escribiu este decreto ao ditado do que eles demandaron en Compostela en febreiro de 2009), quen pasará a historia como a persoa que defendeu o maior ataque legal contra a lingua propia de Galicia desde Francisco Franco (que tamén era “gallego y de Falange”). Lamento moito ter que dicilo, pero a súa traizón cóbreo de indignidade. O seu cometido e desexo non foi nunca, agora o entendo, o de estabelecer un marco legal que substituíse ao mesmo decreto 124/2007 que defendeu publicamente; vostede foi encargado de lle dar unha aparencia científica e legal á mentira, o engano, a traizón. Non teño xa que escoller ningún cualificativo para lle aplicar, dedúcense doadamente do seu proceder.

Pero, de todos os xeitos, permítame que lle diga que aínda podería recuperar en boa parte a dignidade perdida (só os que nunca a tiveron non poden recuperala). Dimita. Abandone o barco onde xa só fican ratas. Déixeos sos. Dígalles que vostede non pode amparar semellante barbaridade, que non pode traizoar unha institución que, antes ca vostede, ocuparon outros e, uns máis e outros menos, todos foron facendo cousas, sempre avanzando por pouco que fose. Dígalles que non quere ser lembrado como único responsábel de Política Lingüísitca que fixo retroceder o galego nos seus dereitos. Que o fagan eles se queren, non se suicide socialmente, regrese á comprensión dos seus que, máis tarde ou máis cedo, sempre han entender que foi capaz de ter dignidade á última hora. Destes só pode agardar que o deixen tirado na cuneta (estilo falanxista) cando pensen que xa non lles serve. É difícil, pero mentres non estea o decreto no DOG sempre estará a tempo de merecer o respecto dos galegos e das galegas de hoxe e de mañá.

Despois xa nunca o poderá ter. Máis tarde ou máis cedo o seu decreto tamén será derrogado, cambiase por outro e deste só ficará a ignominia.

En calquera caso, non siga a mentir, que nin vostede nin eu nacemos onte.

16 mar 2010

6º na Granxa Escola de Barreiros, Lugo

O alumnado de 6º foi pasar uns días da pasada semana á Granxa escola de Barreiros, no concello lucense de Sarria. Fotos e un video recollen para vos esta experiencia.



14 mar 2010

Declaración da Plataforma ProLingua sobre do avance de Decreto (chamado) de Plurilingüismo da Xunta de Galicia

… E se os feitos demostran outra cousa, haberá que cambiar os feitos. Esta falsificación diaria do pasado, realizada polo Ministerio da Verdade, é tan imprescindible para a estabilidade do réxime como a represión e a espionaxe efectuadas polo Ministerio do Amor
.
A referencia ás palabras de Orwell é obrigada despois de ler na páxina oficial da Xunta de Galicia o avance do “Borrador do decreto de plurilingüismo no ensino público non universitario”. Desde ProLingua denunciamos a pretensión de falsificar a realidade presente nun texto que consuma a peor agresión contra a lingua galega desde o franquismo evidenciando a vontade de desfacer os tímidos avances normalizadores do período constitucional. Unha vez se faga público o texto completo deste borrador de decreto, desde ProLingua procederemos a unha análise polo miúdo do seu contido. Agora, nesta declaración de urxencia, facemos público o seguinte:

Resposta da Coordinadora Galega de ENDL ó Anteproxecto do Decreto do Bilingüísmo

O Anteproxecto do Decreto do Bilingüismo discriminará a lingua galega no ensino e provocará serios conflitos na comunidade educativa

O novo decreto non garantirá o equilibrio efectivo entre as dúas linguas oficiais no ensino e desprotexe o galego, especialmente na etapa de infantil.
O avance do anteproxecto relega a promoción da lingua galega ás actividades de fomento e ao compromiso persoal do profesorado.A Coordinadora Galega de ENDL valora negativamente que o Anteproxecto do Decreto do Plurilingüismo, cuxas liñas xerais deu a coñecer onte a Consellería de Educación, non desenvolve os preceptos da Lei de Normalización Lingüística (LNL) como si facían os decretos anteriores. Así, unha lexislación que debería desenvolver a LNL, creada para protexer a lingua propia de Galicia que está en situación de desequilibrio social respecto do castelán, ponlle límites á súa normalización no ensino: por un lado, establece máximos na distribución horaria para o galego cando nunca se cumpriron os mínimos marcados nos Decretos 247/1995 e 124/2007; e, por outro lado, afonda nos prexuízos cara a unha lingua que está en retroceso ao transmitir que non é válida para todos os campos do saber posto que impide que sexa a lingua vehicular para as materias do ámbito científico-tecnolóxico.

(ler mais)http://www.coordinadoraendl.org/entrada.php#ancc

12 mar 2010

Esta semana Gabriel co seu "wanamino"


Disfruta en familia este fin de semana


Chegaron á escola dúas informacións para interesantes actividades:

Carreira popular por Haití: O domingo 14 ás 12 da mañán. saída do Embarcadoiro de Combarro ou a Praza da Granxa (Campelo) e chegada á Explanada da Seca. ademáis da Carreira ou marcha haberá diferentes atraccións. A inscripción (instalada nos puntos de saída a partir das 11) será de 3 € adulto e de 1 € por neno. A recadación irá integramente destinada a labores de postemerxencia e reconstrucción no Departamento Sudeste de Haití. Organiza Solidariedade Internacional en colaboración co Concello de Poio.

Concerto de clausura do Salón do libro de Pontevedra: O domingo 14 ás 12 da mañán no Pazo da Cultura de Pontevedra. Concerto de presentación do libro CD "A nena e o grilo" de OQO editora.

6 mar 2010

O chiste da semana


Cada venres un chiste para comezar ben o fin de semana...
Esta semana tócalle a Francis

5 mar 2010

Neste curso presentouse o "Iº Concurso de Fotografía CEIP de Chancelas" no que participaron nenos e nenas do terceiro ciclo. Baixo o tema "O noso mar" xurdiron moreas de fotografías que remataron recollidas nun precioso libro, hoxe na nosa biblioteca. Aqui tedes unha boa mostra da nosa paisaxe e do noso traballo fotográfico.

Imos a ONS


Este é o cómic que fixemos os de 5º e que, seleccionado polo Patronato do Parque Nacional das Illas Atlánticas, nos fixo gañar unha viaxe á Illa de Ons o vindeiro mes de abril.
Imos percorrer a illa, coñeceremos a súa fauna e flora e disfrutaremos da súa paisaxe e das súa praias. Xa vos contaremos á volta como foi a experiencia.