BENVIDOS

Desde Combarro, desde Chancelas, en Galego.























21 mar 2010

Seis ideas arredor da lingua de Victor Freixanes

Interesante artículo de opinión escrito na Voz de Galicia por Víctor Freixanes

(Premer na imaxe para mais información do autor)

Alguén dirá que volvemos outra vez enriba do mesmo. Pois non está mal que volvamos. E deberiamos facelo todos os que temos algo que dicir, nesta cuestión e noutras. A opinión non se constrúe cun único discurso. Se algo positivo podemos tirar da deboura en que estamos (presente e futuro da lingua galega) é a posibilidade de que exista debate social. Non esquemas, que desgraciadamente é o que máis abunda. Ideas.
Primeira idea. A lingua somos todos, igual que a sociedade somos todos. Deixar fóra do debate a aqueles que non pensan coma nós é, ademais dun principio antidemocrático, unha simpleza, un reducionismo que nos empobrece. Isto serve tamén para os que pensan que aplicando a apisoadora dos votos (ben apretados, por certo) xa todo está resolto.
Segunda idea. A política lingüística, se queremos afrontar en serio o futuro do idioma, non pode ficar reducida ao sistema educativo. A educación (capacitación dos cidadáns para o coñecemento do idioma) é un eido fundamental, pero non exclusivo. A escola é unha parte do debate. Hai que actuar socialmente: deseñar unha política de recoñecemento, prestixio e uso social da lingua en todos os ámbitos, en todos os sectores da sociedade. O Goberno debe avanzar nesta dirección.
Terceira idea. Os que cuestionamos a consulta vinculante ás familias para establecer programas e deseños educativos, que en bo criterio corresponden ás autoridades responsables da planificación, non estamos en contra de escoitar e mesmo atender as voces da diversidade social. O que cuestionamos é a operatividade das propostas que se están a facer, e defendemos unha idea que nos parece fundamental: a educación e, por tanto, a formación dos futuros cidadáns afecta non só aos pais e ás nais que teñen rapaces na escola, senón ao conxunto da sociedade (mesmo aos que non teñen fillos). Estes tamén teñen algo que dicir. Pagan impostos coma os demais.
Cuarta idea. As institucións son (ou deben ser) libres para expoñer os seus posicionamentos. Non son correas de transmisión de ninguén, senón voces complementarias, debemos supoñer que autorizadas. Podemos atender ou non as súas recomendacións, pero non me parece xusto pretender descualificalas porque non están na nosa corda, moito menos porque non emiten na dirección que lle convén ao Goberno.
Quinta idea. O que vive unha situación desigual (no caso do galego unha situación historicamente desigual) precisa dun tratamento desigual para restablecer o equilibrio. Non recuperaremos o uso social da lingua sen unha política activa a prol do idioma máis desprotexido. Está en todos os documentos solventes, empezando pola Carta Europea das Linguas, moi explícita ao respecto.
Sexta idea, non por repetida menos importante. O consenso non é unha antigalla. En determinadas cuestións estratéxicas (pensadas non a curto prazo, senón con perspectiva de futuro) o consenso é unha posición básica, unha mostra de intelixencia política, mesmo de xenerosidade, nunca unha claudicación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario